Saltar ao contido
ASAMPO Amigos da Pontevedrada

Regala vida

Xuntos no Camiño

Un proxecto de lecer, integrador e inclusivo, formado por 6 entidades sen ánimo de lucro con sede en Pontevedra.

«Xuntos no Camiño» é un proxecto de lecer, integrador e inclusivo, formado por 6 entidades sen ánimo de lucro con sede en Pontevedra, que pretende converterse nunha actividade de esparexemento no contorno natural e cultural do Camiño Portugués, ao tempo que dá visibilidade ás demandas dos integrantes das asociacións participantes.

  • ASAMPO (fomento das doazóns de sangue, órganos e tecidos)
  • ANEDIA (diabetes tipo I infantil-xuvenil)
  • ASSEII (doenzas inflamatorias e intestinais)
  • PEDALADAS (promoción da bicicleta e da mobilidade alternativa e inclusiva)
  • AMENCER-ASPACE (parálise cerebral, afectacións motóricas de orixe neurolóxica e outras patoloxías afíns)
  • DISCAMINO INFANTIL

Pretendemos fomentar estilos de vida saudables, potenciar os recursos que o noso territorio nos ofrece e, a través deles, axudar a que a sociedade tome conciencia de que as doenzas están aí e de que, dun xeito ou doutro, todos debemos tomar partido e colaborar para visibilizar e eliminar as barreiras sociais existentes para as persoas que as padecen.

Xornadas

Crohn, colite ulcerosa e doazón universal. A xornada do sábado, entre Redondela e Pontevedra, foi dedicada aos pacientes de Crohn e colite ulcerosa, e os participantes coñeceron de primeira man as súas características e necesidades a través de ASSEII. A xornada do domingo, entre Pontevedra e A Barosa, centrouse na importancia da doazón universal, reivindicación na que basea o seu traballo ASAMPO.

AMENCER-ASPACE. Nesta etapa dedicada a facer visible o labor de AMENCER-ASPACE, reivindicouse que houbese unha resposta da sociedade para normalizar a vida destes nenos e nenas, con medidas de inclusión que favorezan a súa participación activa, especialmente a través de actividades accesibles e garantindo a súa mobilidade.

Diabetes infantil. Na segunda etapa do remarcado do Camiño Portugués ata Santiago (O Porriño-Redondela) levamos un lazo azul para lle dar visibilidade á diabetes infantil. A nosa compañeira Ana, de ANEDIA, explicou que facer en caso dunha baixada de azucre: «Dez minutiños de recuperación e a seguir o camiño!». O lema para este día foi «Que a diabetes non che pare».

Terceira e cuarta etapa. A pesar da chuvia do sábado e dos case 40 km percorridos esta fin de semana, os nosos nenos e nenas superaron a terceira e a cuarta etapa de «Xuntos no Camiño» como auténticos peregrinos e, grazas ás achegas desinteresadas de colaboradores, fixémoslles entrega dun regalo.

XXX Maratón de Fátima. Desde Xuntos no Camiño queremos agradecerlle á Asociación de Veciños de Campelo-Poio (Pontevedra) que nos convidase a participar e acompañalos na XXX edición do Maratón de Fátima, dándonos a posibilidade de mostrar as nosas patoloxías e difundir os nosos obxectivos.

«A nosa intención non é dar o que sobra, é dar o que falta.»
«A solidariedade non é un sentimento superficial, é a determinación firme de empeñarse polo ben común.»